21/6/13

Toponimia do concello de XOVE

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo. 
___________________________________________________________

A ABELLEIRA (A Rigueira, Xove, Xuances)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Moitas veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.

Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, relativa á raíz hidronímica indoeuropea *ab–.

Aínda que o apelativo "abelleira" teña tamén a acepción de "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a orixe: sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.
 
A ABOEIRA (O Monte -lugar de Penas Agudas)
O nome deste outeiro podería ter sido "boeira", coa prótese posterior dun "a". 
O termo "boeira" é relacionado por A. Moralejo co latín buda ''espadana', de onde derivan tamén termos como "boedo", "lugar onde abundan as espadanas".
Outros autores (e.g. E. Rivas, 1995) remontan a unha raíz hidronímica celta   *bed*bud-, á que remontan tamén topónimos como "Bueu", "Boimorto", etc.
Alternativamente podería estar relacionada co "boi", ou específicamente provir do nome da peza do carro chamada "boeira" ou "cabezalla", que podería encaixar como topónimo indicando a forma do outeiro.

A ACAROADA (Portocelo)
Posiblemente de "finca acaroada", labrada até os estremos, sen deixar cómaro algún. Cf. aquí.

A ACEVEDA (Xuances)
Lugar onde abundan os acevos ou acivros.

A AGREIRA (Lago -lugar de Vilar)
Derivado de "agra".

A AGUIEIRA (A Rigueira -lugar de Ventoselle, Xuances, Portocelo)
Lugar frecuentado polas aguias.

A ALBARIÑA (Lago, Sumoas, A Rigueira -lugar da Abelá)
O termo "albariña", do latín albus, neste caso podería provir de "(terra) albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade". Cf.  aquí.
Con todo, hai outras orixes tamén posibles. Navaza interprétao como diminutivo de "albar", "de cor branca", por exemplo de "uva albariña", ou "terra albariña" ("terra esbranquizada").  Alternativamente, de "arboriña" ou tamén, nalgúns casos, como antropónimo. Cf. aquí.
Aínda que menos probable, tampouco podemos desbotar totalmente unha relación co tema prerromano *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-, tal como interpreta E. Bascuas para "Albarán".

A ANSUELA GRANDE (Morás)
Orixe e significado incerto. Talvez de etimoloxía relacionada coa illa de "Ansarón".
Non se pode descartar, sen documentación antiga, que corresponda cunha deturpación de "Insuela", "pequena insua" ('illa').  Existe unha "Punta da Ansoela" en Cangas (Pontevedra), unha pequeno cabo en fronte duns pequenos cons.

A ARCA (Portocelo, Sumoas, Xove)
Lugar onde houbo/hai unha "arca", xeralmente referindo restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio.

A ARMADA (Xove, Xuances, Xuances -lugar de Fontao) 
Unha "armada" reférese a unha trampa para cazar animais.

A ÁSPERA (Lago)
Alén do posible significado relativo a "terreo áspero", tamén se refere a terreo de  bouza, ou terreo escarpado. Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca". Cf. pp. 306 de A. Moralejo. 1977. "Toponimia gallega y leonesa". 
Falta comprobar se tamén neste caso parece corresponder á acepción rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cf. aquí).

A ASTURA (O Monte -lugar de Loureiro)
A orixe do termo posiblemente estea relacionada co río Astura (antigamente era chamado Estura Estula), que viría do céltico *stour, "río". A mesma raíz aínda se conserva no gaélico  e no bretón como ster stour "río". Na xeografía europea Plinio falaba do río "Stur" na Bretaña, na que ainda actualmente hai tres ríos chamados Stour. Tamén na desembocadura do Elba hai outro río Stör, chamado antigamente Sturia. Igualmente, no Piamonte se ubicaba a tribo celta dos Esturi e un río Stura. 
Higínio Martins relaciona o topónimo con *astura 'nacente'. Cf. aquí.

A BALEEIRA (Morás)
Lugar onde se achegan ou avistaban as baleas.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa  en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao  aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.

Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. Desde a década de 1550, constátase en varios portos, como San Cibrao e Bares, actividade baleeira local. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos.
Cf. aquí.

A BARXA (Lago)
Unha "barxa" defínea o dicionario como "barcela",  "terra comunal". Indica tamén a acepción en particular de "lugar próximo a un río que o inunda con frecuencia". Cf. aquí
Tamén nesta zona, por extensión, significa "remanso de río".

Eladio Rodríguez indica tamén o caso de "
Barxa longa", faja de tierras que un río cubre en sus avenidas a uno y otro lado de su cauce, y que se usan con carácter comunal, aun cuando tienen sus dueños. Esos terrenos de propiedad particular se utilizan libremente como pasto común y abierto para toda clase de ganados en ambas orillas, porque el río, con sus crecidas, no permite acotarlos o cerrarlos. Cf. aquí.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A BISADURA (A Rigueira)
Grafía alternativa de "Vesadura", e portanto derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).

A BOQUEIRA (A Rigueira -lugar de Veiga), A BOQUEIRA DOS BOIS (Morás -lugar do Barreiro)
A "boqueira" é a entrada a unha finca que está cercada. A boqueira costuma estar pechada cunha cancela.

A BORRA (Xuances -lugar de Camba)
Posiblemente co significado de "lugar fondo, coberto de mato".
Este nome é tamén documentado por F. J. Rodríguez (1863): "Diccionario gallego-castellano": En la provincia de Lugo y en Asturias hay lugares con este nombre, que quiere decir entre otras cosas, hondura, hondonada cubierta de jaras, maleza, etc. Cf. aquí.

A CACHOPA (O Monte)
Probablemente "lugar onde se atopaba unha cachopa", posiblemente de carballo. O dicionario define "cachopa" como "toro (tronco) groso e vello, ben aínda en pé ou xa cortado".
Alternativamente, podería referirse a un alcume: tamén se aplica esta palabra, segundo o dicionario, ás amas de casa.
Sendo o topónimo "cachopa"  moi abondante en Galiza, cremos máis probábel a primeira acepción.

A CALVA (A Rigueira, A Rigueira -lugar de Pradovello, O Monte)
Tanto "calvo", "calva" como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

A CANDAOSA (A Rigueira -lugar de Vila)
Garabullallugar onde hai "candos" 'garabullos, guizos'. Cf. aquí. Cf. E. Rivas. 2001.
Un "cando", segundo o dicionario, é un "retoño grande do castaño". Tamén está documentados "toxo albar" e "rebolo albar" (cf. aquí).

Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo" 
 (cf. aquí). En canto á etimoloxía, é discutíbel, ainda que parece remontar a unha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e os seus múltiples derivados, como "acender", "candela", entre outros. Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando". 

Existen en Galicia multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

A CANIVELLA (O Monte -lugar de Gondar)
Orixe e significado incertos. 
Talvez composto de "cana vella", no senso de antiga "canle".
Alternativamente, deturpación de "Canivela", a planta chamada tamén "cana" ou "canaveira" (cf. aquí).
Podería indicar o alcume dunha antiga posuidora ("persoa de pernas fracas"). Neste caso, o "ll" sería posiblemente por interferencia do castelán canilla.

A CASILLA (Xove)
O nome "casilla",  é un castelanismo por "caseta",  "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852. 
É un topónimo moi extendido en Galiza, e que, en moitos dos casos,  tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

A CATUXA (A Rigueira -lugar de Palmeiro)
Leiras pertencentes a unha persoa chamada Catuxa (hipocorístico de Catarina).

A CHOUSA DO ENCIÑÁN (Xuances -lugar da Pena)
Posiblemente "A chousa dunha persoa alcumada "enciñán", pola forma dos seus dentes.  
O termo "enciño" é o mesmo que "angazo". Escribiu Sarmiento "por la similitud del instrumento, dicen en Galicia, del que tiene los dientes largos y ralos, que tiene os dentes de angazo."  

A CHOUSA DO OURO (Xuances -lugar de Prada)
Lugar situado nunha zona de prados. A frecuencia de "Fonte do Ouro" e "río do Ouro" na toponimia galega fai desbotar en xeral unha referencia ao apelativo "ouro" (do latín aureum 'dourado').
A orixe sería a mesma que a de "Fonte do Ouro", e "Río do Ouro", o cal que está documentado na Idade Media como Aurio, e para o cal tanto Bascuas como outros autores relacionan coa  raíz hidronímica prerromana *awer- 'fluír', termo paleoeuropeo. 

A CHOUSA DO TROBO (Xuances -lugar de Camba)
O dicionario define "trobo" como "colmea, tronco oco de árbore". Cf. aquí.

A CORNELLA (O Monte)
O termo "cornella" ten varias acepcións, sendo as máis probables para un topónimo a de "pardiñeiro" e a de "casa pobre". 
Porén, cremos que neste caso a interpretación máis probable é diferente. En efeito, neste caso, tendo en conta a situación nun monte con penedos (ver aquí), pode ter unha orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa' . 
Outras acepcións de "cornella", como a de sinónimo de "grallo" (paxaro) non parecen ter encaixe nun topónimo.

A CORTIÑA (varias)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ e cohorticulum ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

A COSTOIRA (Lago, Xuances)
O termo "costoira" cremos provén do latín medieval custodiaria 'atalaia', 'posto de observación'. Hai varios topónimos con este nome e tamén como "costoura", da mesma orixe. 
Por outra banda, tamén existen os topónimos "Costoia", que neste caso derivan de custodia.
Para máis detalles, pódese ver este blog >> aquí.

A COTARRA (O Monte -lugar de Gondar)
Derivado de "coto", palabra de raíz prelatina. Posiblemente sexa variante de "cotarro", co significado de  'pequeno coto'. Cf. aquí.

A COVELA 
(A Rigueira -lugar de Labradela)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".

A ESBEDREIRA (Lago)
Esvedral, lugar onde abundan os esvedros
Xa dicía Sarmiento que "esvedro en Vivero es el madroño".
Hai tamén un "Esvidral" en Vieiro e en Galdo, ao igual que outros ao longo de todo o territorio galego.

A ESCADABELA (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
A probable orixe deste termo non tería que ver con "escada" (esqueira) senón con "cádavo". Cremos que sería o diminutivo de "escadavada", lugar do que se arrincaron os "cádavos" (pau de toxo, uz, etc. que queda en pé no monte despois dunha queima).

A ESCOURA (Portocelo)
A "escoura" é a pedra de cor do ferro, de onde derivan os "escouridos".

A ESGROBA (Xove)
Aínda que non documentado, o significado sería similar a "grova", "engrova" e "sangrova" (cf. aquí),  significando "foxo", "cárcava".
Ver "A Gorbaxiña" para máis detalle sobre a etimoloxía de "esgroba", "grova", "gorbaxiña" e "gorbaladas".

A ESTACA (Morás)
O termo "estaca" designa un "pau aguzado para chantar na terra", e daí, derivaría metafóricamente para "cabo, promontorio", definido como tal no "Vocabulario popular castelán-galego" (1926). Cf. aquí.

A FALADORIA (Xuances)
Posiblemente de "falar", nun sentido extenso, dun xeito similar a "Roncadoiro".
Nótese que existe a "Serra da Faladoira" en Mañón e "A Faladoira" en Goá (Cospeito)

A FOLGUEIROSA (O Monte -lugar de Gondar, Portocelo, Morás)
"Lugar onde abundan os felgos".

A FONTAÍÑA (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Fonte pequena, "fontela". Cf. aquí.

A FONTE DO TORRILLÓN (O Monte)
Talvez derivado de torre. Ver "Torrillón" para máis detalles e alternativas.

A FRAGADOIRA (A Rigueira -lugar de Cornide)
Este topónimo probablemente sexa un composto de "fraga" de  oira", e podería indicar algo como "fraga ao pé da auga". 
En efecto, o elemento -oira posiblemente derive da raíz prerromana *awr-, relativa a correntes de auga. Esta é a orixe que autores como E. Bascuas asignan a topónimos similares, como o río Ouro, antigamente documentado como Aurio.

No caso, esta "Fragadoira" hai unha "Fonte da Fragadoira", así como "O Pradovello", o cal parece ir en liña co significado de hidrónimo.

A FURADA DA GRANDA (A Rigueira -lugar de Soutorredondo)
Referido a unha "furada existente na gándara". A "furada" ("buraco", "foxo") pode corresponder a un foxo derivado da escavación dunha mámoa. Ver "A Granda" para o termo "granda".

A GALIÑA (Sumoas)
Os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con montes e formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro"  e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. 

A GORBAXIÑA (Lago)
O lugar correspondente a este topónimo atópase preto de "As Gorbaladas", analizado posteriormente. Cremos que "Gorbaxiña", o mesmo que "Gorbalada", están relacionados con "gorba", sinónimo de "grova" 'barranco profundo, foxo, cárcava'. O feito de ficaren contiguos na mesma zona de Lago, confirma esta relación.
Tradicionalmente a "grova" asígnaselle unha orixe xermánica, así Piel derívaa do “nombe gótico” groba ‘cova, furna’, como indica Piel (cf. J. Piel, "Sobre uma suposta identificação dos topónimos gal.-port. Groba, Grova, etc., com o etnónimo pré-romano Grovii", in Verba 1, 1974).
No entanto, tendo en conta as formas análogas "Gorbantes", "Gorbaña", "Gorboto", etc, coa mesma raíz e con típicos sufixos prerromanos, cremos que se trataría máis ben dunha palabra de orixe prerromana, un hidrónimo de tipo paleoeuropeo, derivado da raíz indoeuropea *gwer- 'tragar'. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".



No entanto todo o anterior, tampouco podemos descartar a alternativa de ser derivada dun composto de "Agra". En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos " fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica os casos de Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".

A LAGOELA (Sumoas)
O topónimo "lagoela", é diminutivo antigo de "lagoa", o cal deriva do latín lacuna 'concavidade, charqueira'. É interesante notar que, nese senso de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

A LANGOIRA (Morás)
Este topónimo, existente en Xove, Cervo, Burela, Viveiro, Sarria, Pastoriza, Samos, tén orixe prerromana, posibelmente cun carácter hidronímico, e indicaría algo similar a "rego longo" ou "rego da encosta".

Ver entrada blogue >>aquí para máis detalles.

A presenza humana antiga en Langoira de Xove é en calquer caso clara, foi atopado un petróglifo reticular (cf. aquí).

A LAMA DAS ARCAS (Xuances)
Ver "As Arcas".

A LAMA DO CANEIRO (O Monte)
Unha "lama" neste contexto significa "lameiro, prado". Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar. Por tanto, será "lameiro que cruza unha cale ou canal con auga".


A LIÑAREGA (Morás)
O termo "liñarega", aínda que non recollida polos dicionarios galegos, pode ser sinónimo de "liñar", co sufixo despectivo -ega, o mesmo que "pomarega" é sinónimo de "pomar". Deste modo é interpretado por Navaza, que refere ao topónimo "A Liñarega" do Valadouro como sinónimo de "liñar", co sufixo de orixe prerromana -ega, que indica como "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega" aquí).

A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

A LOBEIRA (Xuances)
O nome "lobeira" indica "gorida de lobos". Cf. aquí.

A MACÍA (Portocelo -lugar de Vilapol)
Posibelmente indicando o apelido dun antigo posesor, "Macía", o cal deriva do nome bíblico Mathia(s).

A MALATA (Xuances)
Posiblemente relativo a "malatía" ("lepra").
Para máis detalles, ver entrada no blogue >>> nesta ligazón.

A MEDELA (A Rigueira, Lago) 
Diminutivo de "meda".  "Meda", do latín metam, designa unha morea de mollos de cereal segado, aínda que tamén pode referir a unha "mámoa".

A MEDORRA (Portocelo, Lago)
O termo "medorra" é sinónimo de "mámoa", e indicaría a existencia dun antigo enterramento megalítico.
Porén, non sempre "medorra" sinala unha mámoa: ás veces, "medorra" indica somente unha morea de pedras ou un monte pedregoso.

A MEIXEIRA (Lago)
Probablemente de "A Ameixeira", unha clase de árbore frutal.

A MILLAREGA (Xuances)
O termo "millarega" ten o significado de "terra onde se acostuma plantar o millo". 
Aínda que este termo ten tamén a acepción de "vaca parideira", cremos referido á outra acepción, por encaixar mais co topónimo.

A MIXUEIRA (Lago -lugar da Torre)
Significado incerto. O dicionario define meixoeira como persoa que pesca "meixóns" ("angulas"), aínda que descoñecemos se poidera ser o caso. 

A MOUTEIRA (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
Unha mouteira é sinónimo de marco, pedra divisoria. Tamén ten a acepción de "pequena mouta", pequeno sitio onde sobresaen as plantas.

A PANDA (Xuances, Xove)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PARAMELA (O Monte -lugar de Loureiro, Morás -lugar do Carballo)
Forma derivada de "páramo", co antigo sufixo diminutivo -ela.
O nome "páramo" é unha palabra de orixe celta, que significa "terreo ermo, raso e desabrigado".
Cf. aquí aquí.

A PARAMUZA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Forma derivada de "páramo", co antigo sufixo -uza.
Ver "A Paramela" para mais detalles sobre o termo "páramo".

A PARDIÑEIRA (A Rigueira, O Monte -lugar de Gondar)
O nome "pardiñeira" significaba orixinariamente "lugar deshabitado", similar a "pardiñeiro": casa arruinada e destartalada (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
Outra posible acepción de "pardiñeira" é a de conxunto de "pardiñas" (devesa ou chousa, cf. dicionario), lugar de devesas.
Na toponimia galega abundan as "Pardiñeiras". En Mogor hai "As Pardiñeiras", en Riobarba e en Covas hai "A Pardiñeira", en Celeiro "Pardiñeiras", en Covas "Os Pardiñás", etc. 

A PASADA DA LUCÍA (O Monte -lugar de Gondar), A PASADA DE MEDIA SOPA (O Monte -lugar de Loureiro), A PASADA DO LOBO (O Monte)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso, xeralmente de paso de río, a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción  consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón, en Viveiro, en Muras, no Vicedo, en Ferrol, etc.

A PEDRALBA (Xove)
De "Pedra Alba". Hai moitos topónimos con este nome en Galiza. O significado directo é  "pedra branca", aínda que non se pode descartar que "alba" teña significado e orixe distinta, na raíz indoeuropea precéltica *alb-, "altura, monte".


PENA DE CORVELLE (A Rigueira)
Probablemente derivado de Corvelli, forma en xenitivo do nome dun antigo posuidor  Corvellus, nome de orixe latina.

PENA DA MOA (O Monte -lugar de Gontar)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. 
Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.

A PENA HEDRADA (O Monte)
Significado directo: "pena con edra".

A PENA QUE TUMBA (A Rigueira -lugar dos Cortellos)
O significado podería ser o directo, de "tumbar".
Porén, tampouco é descartable unha evolucion por "etimoloxía popular" a partir dun termo coa raíz prerromana *katt- (para máis detalles, ver "Pena da Cataverna" >>aquí).

A PENA ZOPA (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Orixe incerta.
Podería ter relación coa acepción do vervo "zopar" de "volverse romo, ficar sen puntas ou arestas", deste modo significaría "pena roma, sen aristas".
Alternativamente, o termo "zopo" significa "torpe, zambo", mais non fica claro o encaixe desta interpretación asociado a unha pena.
Finalmente, tampouco podemos descartar unha orixe nun termo prerromano, talvez relacionado co topónimo Zaipa (< *Salappia ?) comentado >> aquí, que neste caso sería entón talvez un *Saloppa. ( > *Saopa > Zopa) de feito, a pronuncia é con "o" aberto).

A PINGUELA (Morás -lugar da Aldea de Arriba, Xuances -lugar de Reboredo)
O apelativo "pinguela", derivado de "pingar" 'caer a auga ou o líquido', 
significa "fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "cano por onde verte auga unha fonte".
No contexto deste topónimo, unha zona de prados, encaixa esta acepción.

A PONTE DO CARRO (A Rigueira)
Posiblemente co significado directo, dun "carro" de transporte.

A PUMAREGA (Xove, Sumoas, Portocelo -lugar de Vilapol)
O mesmo que "pumar", finca plantada de maciñeiras/mazairas.

A PUNTA ARGONTE (Morás)
O termo "Argonte" é moi probablemente de orixe prerromano, relacionado coa hidronimia paleoeuropea.
Para a orixe concreta de "Argonte", podería derivar dunha forma *ar-gh-, derivada da raíz indoeuropea *er- 'moverse', ou ben dunha forma *arg-u-nt-,  da raíz indoeuropea *arg- 'branco'. En calquera dos dous casos, o feito importante é a presencia dun topónimo indoeuropeo prerromano, probablemente pre-celta.

A PUNTA GALIÑO (Morás)
O termo "galiño" está neste caso relacionado con "formacións rochosas". Proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

A PUNTA MEXILLUIDE (Portocelo)
Posiblemente o mesmo que "mexilluído". O sufixo en -ide non é máis que unha variante dos sufixos abundanciais comúns -edo e -ido. Así teixide > teixido, e neste caso "mexilluíde".
O termo "mexilluíde" tería o significado de "sitio onde abundan os mexillóns."


A REBOLAD(A Rigueira -lugar de Ventoselle)
Aínda que o dicionarios de galego rexistran "rebolada" como "golpe de rebolo", "acción de rebolar", no caso destes topónimos o significado sería o de "bosque de carballos", "arboreda". portugués actual conserva para "rebolada" este significado de "grupo de árbores" (cf. aquí).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria, "carballo".

A REGA (A Rigueira -lugar de Vilela, O Monte, Xuances)
Unha "rega" é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea"  *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000 (aquí).

A REGAENGA (Morás)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por terlle pertencido. Cf. aquí.

A REGATEIRA (O Monte -lugar das Cancelas, O Monte -lugar do Soutevello)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo "regateira" refere a "regata" ou conxunto de "regatas", como sinónimo de "valgada".
Os dicionarios definen "regata" como "valgada", tanto na acepción de "espacio entre dous montes" como na de "regueiro pequeno". Cf. aquí.
A etimoloxía é común coa de "rego", para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek-  (cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000). O topónimo "regata" viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

A RESTREBA (Portocelo -lugar de San Cristovo)
As "restrebas" son as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

A REVOLTA (O Monte)
O termo "revolta" refere unha curva de río (cf. aquí). Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. aquí

A ROBALEIRA (Portocelo -lugar de Vilachá)
O nome deste cantil tén un significado transparente: lugar onde abundan as robalizas, peixe mariño da orde dos perciformes (dicentrarchus labrax).
É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a punta "Besugueira" en Burela, a foz do "Pozo dos Monxes" en Cervo, a "Punta dos Monxes" no Vicedo, a "Punta dos Mógaro" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

A RUBALEIRA (Xuances)
Podemos interpretalo como derivado de "rubal", ver a entrada "Rubal" para máis detalles.
No entanto, se reparamos na situación do lugar, a rentes da "Punta da Rubaleira", tamén podería vir derivado de "Robaleira", punta costeira onde abundan as robalizas ou os robalos, propicia para a súa pesca. En efecto, sería análogo aos casos de "Punta da Anguieira", "Punta dos Mógaros", "Punta dos Monxes", e outras moitas da costa galega.

A RUBIÑA (Morás)
Diminutivo do adxectivo "ruba", indicando a cor da terra. Ver "Rubal" para máis detalles.

A SABIÑELA (A Rigueira)
Posiblemente de diminutivo de "Sabiña", nome persoal.

A SOBEIRA (A Rigueira, A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Unha "sobeira" é un alpendre, chabolo ou cobertizo.

A TAFONA (Xuances -lugar de Fontao, Xove -lugar de Xove)
O termo "tafona" designa un "muíño de fariña movido por animais de tiro (burro ou múo)". É unha palabra arábiga, das poucas patrimoniais que conserva o galego. Deriva do árabe tahuna "moa do muíño; muíño".
Outro significado é o de lugar onde se coce e vende o pan, mais o máis probable é a outra acepción.

A TELLEIRA (Lago, Xove), A TELLEIRA DE ABAIXO, A TELLEIRA DE ARRIBA (Portocelo -lugar de San Cristovo)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

A TORNA DO CABO (Sumoas -lugar da Lagoela), A TORNA PEQUENA (O Monte -lugar de Vilariño)
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, hidrónimos cun significado de "chorro de auga", derivados da raíz indoeuropea *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí  para máis detalles.

A TORRE (Lago, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O termo "torre" nestes topónimos non se refere estritamente a torres , senón a casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos.

A VARA (Xuances)
O nome deste núcleo de poboación é de orixe prerromana. Bascuas e outros autores derívano da forma hidronímica *war-, a partir da raíz indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A VELA (Morás)
Probablemente, no caso deste pico, "vela" signifique "centinela", indicando un "posto de vixilancia". 
Existe unha grande cantidade de topónimos "Pena da Vela", "Monte da Vela", que parecen confirmar esta orixe. 
Descartamos, pola razón anterior, e para este topónimo, asignarlle a mesma orixe que Nicandro Ares propón para outra "Vela", derivándoo do antropónimo xermánico Vegila. Tampouco tería unha evolución clara se ese fose o caso.

A VESURA (O Monte)
É un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. aquí).
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

A XUIA (Xuances, Sumoas)
Este topónimo posibelmente  teña orixe prerromana,
 formando parte da hidronimia "paleoeuropea", 
derivado dunha forma *yuwya, a partir da raíz indoeuropeas *yeu- 'mesturar, poñer en movimento', 
Aínda que non foi incluído por Bascuas no conxunto de topónimos derivados da indicada raíz, si o foi o topónimo similar "Xuio". Cf. p. 340 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

AGRAMONTE (Xove -lugar de Xove)
Composto de "Agra do Monte". Cf. aquí.
Alternativamente, podería derivar dalgún nome de orixe xermánica modificado por etimoloxía popular.

AGRELO (Xuances -lugar de Ceranzos)
Diminutivo de "agro".

ALBARÁN (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
O nome deste núcleo de poboación ten unha orixe incerta, ao descoñecermos de documentación antiga na que sexa citado.

Podería derivar de * (uilla) Alvarani, dun antigo posuidor chamado Alvarus.
No entanto, Bascuas e outros autores relaciónano co tema *albara-, derivado da raíz hidronímica indoeuropea *albh-. Bascuas rexeita que derive de albus, pois nese caso debería ser **albarao, tendo en conta a variante dialectal occidental galega. 
Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

ANGÁN (Morás)
O nome "Angán" talvez derive de * (agru/fundu) Ancani, dun posuidor chamado Ancanus, derivado de Ancus.

ALLARES (Xuances -lugar de Illade)
Posiblemente deba ser interpretado como "alleiro": terreo plantado de allos. A existencia do topónimo "Allás" en Valcarría reforzaría esta hipótese.
Alternativamente, podería interpretarse como variante de "anllares", do latín angularis, indicando un punto de unión de dous ríos ou un cóbado do río. 
A interpretación alternativa de "allar/anllar" ("espazo ao pé da lareira onde se garda a leña") que apunta Nicandro Ares, sería un topónimo "anecdótico" que non parece encaixar, máxime coa certa frecuencia en que aparece na topoinimia galega: "Allar" aparece unha vez, no Porto do Son,  e "Allares" aparece en Viveiro, en Xove e en Coirós. Esta frecuencia non se explica para o "lugar ao pé da cociña onde se garda a leña", máxime cando, por exemplo, o termo "lareira" apenas aparece dúas veces na toponimia galega.

Non cremos que derive do patronímico Allarius, postuado por Nicandro Ares (cf. N. Ares,"Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011), todavez que tería que derivar dun caso nominativo latino, extremadamente infrecuente. 

ALMIZOTE (Lago)
Orixe incerta. 
Posiblemente teña unha orixe prerromana, no tema paleoeuropeo (precelta) *alm- estudado por Krahe, con numerosos derivados en toda Europa. Derivaría, por tanto, da raíz indoeuropea *el- 'fluír'. Cf. p. 284 e ss. de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

ANCIL (Lago)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de * (uilla) Ancilii, dun posuidor da uilla ("explotación agrícola") chamado  Ancilus, derivado de Ancus.
Alternativamente, podería derivar dun antropónimo femenino de orixe xermánica, de (uilla) Ansilli. Porén, considerámolo máis improbábel ao ser femenino.

ANEIROS (Sumoas, Lago)
O topónimo "Aneiro" ten probablemente unha orixe pre-latina, formado en base a unha raíz *ann-. Bascuas  liga ese tema *ann- co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
Neste caso, o sufixo -eiro indicaría abundancial, o mesmo que ocorre no caso de "Anido". Ver "Os Anidos" para máis detalles.

Aínda que haxa outras interpretacións, que se indican de seguido, non cremos que encaixen se consideramos a existencia de varios "Anero", como en Cantabria e outras zonas non galegas nen portuguesas,  co cal non encaixaría ningunha das seguintes hipóteses, pois nese caso ese "Anero" debería ter sido **"Añero". 

A primeira alternativa, orixe fitonímica,  é a de Cabeza Quiles, que propón (cf. aquí) unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro. 

Outra alternativa é de "agros aneiros": con árbores que dan froito un ano si e outro non, ou por extensión, terreos de colleitas irregulares que, uns anos dan boa colleita e outros dana mala. Cf. aquí.

Finalmente, como terceira alternativa, "Aneiros" pode indicar "terreo dun posuidor apelidado Aneiros" ou "Aneiro".

ANTEMIL (Portocelo -lugar de Vilachá)
De (uilla) *Andemiri, dun posuidor Andemirus, nome de orixe xermánica (Anth + mir). Cf. aquí.

AS ABELLEIRAS (Portocelo, Portocelo -lugar de Vilapol)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o significado sería de "lugar onde hai colocadas colmeas".
Alternativamente, "abelleira" tamén podería referir á "herba abelleira" (melissa oficinalis), aínda que non parece ter sentido no caso do topónimo: se indicase abundancial de planta ou árbore levaría un sufixo -al ou -edo, non apenas en plural.

AS AMOÁS (Sumoas)
Derivada da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Alternativamente, Pérez Capelo interprétao como derivado da voz latina mŏla ‘pedra do muíño’, indicando a posibilidade de que os topónimos "Moa", "Moá", "Amoá(s)" fosen creados por unha metáfora antropomorfa, nomeando na súa orixe «penedos ou montes con forma de moa dental» (cf. C. Pérez, 2015. "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá"). No entanto, cremos improbábel esta derivación neste caso, por atoparse este topónimo na freguesía de "Sumoas", topónimo o cal é interpretado tamén coa mesma orixe (ver "Sumoas"), e sería extraña a variación de evolución a partir de "-ola", para un topónimo "-oa" e para o outro "-oá".

Existe outro "A Amoá" en Cabanas (O Vicedo).

AS ARCAS (Portocelo)
Lugar onde había/hai "arcas", moitas veces referidas a restos de dolmen (os esteos e a furada).

AS CADEIRAS (Portocelo -lugar de Vilachá)
Unha cadeira (do latín cathedra) designa un“banco triangular de tres pés, así como a parte do corpo.
Interpretaríase, en toponimia, como unha metáfora oronímica, referida á forma do lugar. 
É relativamente frecuente, así na contorna atopamos "A Cadeira" en San Xusto (Barreiros) e en Mañón.

AS CALVELAS (A Rigueira, O Monte -lugar de Penas Agudas)
O núcleo de poboación d'As Calvelas, en Penas Agudas, aparece xa mencionado en 1456: ".. et Afonso das Caluellas ..".
Tanto "calvo", "calva" como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

AS CANDORCAS (A Rigueira -lugar de Vila)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza. 
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca". 
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado" (cf. aquí).  Abondan, así,  os topónimos "Candaedo" e similares.
Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e *kándanos, do que derivaría "cando". 

A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. 
Cf. aquíCremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, parece apuntar a que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo . Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.


AS CARREIRAS (Morás -lugar das Cruces)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presencia de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

AS CONDOMIÑAS (Xove, Portocelo -lugar de Vilachá)
Do latín condominia, terras cuxo dominio é compartido entre varios donos.

AS CONGOSTRIÑAS (O Monte)
Ver "Congostra".

AS CORGAS (Xuances -lugar de Reboredo, Portocelo)
O termo "corga", de orixe prerromana, ten varios significados:
  • Corgo
  • Congostra
  • Prado pequeno e algo en costa.
Cf. aquí.

AS CORTIÑAS (varios)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e  cohorticulu ‘cortello’. 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

AS COVELAS  (O Monte -lugar de Gondar)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". Ten, por tanto, un significado similar a "cale" ou "cal".

AS DORNAS  (A Rigueira)
O termo "dorna" probablemente teña orixe paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluír", frecuente en hidrónimos de orixe prerromana. Cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).
Alternativamente, Corominas suxería unha orixe no céltico *durna, o que acepta a RAE no seu dicionario: “quizá del celta *dŭrno-, cierta medida de capacidad; cf. galés dwrn, puño, y bretón duorn, mano”. 
Cabeza Quiles relaciónao cunha "valgada, depresión no terreo, na forma dunha caixa". No mesmo sentido, García Arias indica para o correspondente termo asturiano "duerna":  ‘artesa’, ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas. Cf. aquí.
Na mesma liña, Gerhard Rohlfs (1985) asígnalle unha acepción de ‘foxo profundo nos ríos’.

AS ESTIBADAS (Morás)
O termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas":
  • "roza": operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extenderse as borrallas desta.
  • Peche dunha herdade con terróns.
Para maior detalle, ver a información indicada por Eladio Rodríguez aquí.

AS FOIAS (A Rigueira)
O apelativo "foia" ten a mesma orixe que "foxa", do latín fovea, e indica unha furada. Os dicionarios danlle a "foia" a especialización semántica de "foxo para facer carbón" (cf. aquí). 

AS FORCADAS (O Monte -lugar de Penas Agudas)
Termo relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal). 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

AS GOLPILLEIRAS (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Unha "golpilleira" é un covil de golpes ("raposos").

AS GORBALADAS (Lago)
O lugar correspondente a este topónimo atópase preto de "A Gorbaxiña", analizada previamente. 
Posiblemente "Gorbalada", o mesmo que "Gorbaxiña", están relacionados con "gorba", sinónimo de "grova" 'barranco profundo, foxo, cárcava'. O feito de ficaren contiguos na mesma zona de Lago, parece darlle creto a esta relación.
Ver "A Gorbaxiña" para máis detalle sobre a etimoloxía de "grova", "gorbaxiña" e "gorbaladas".

No entanto, non podemos descartar a alternativa de provir de "As Agras Valadas". En efecto, Xosé A. Palacio no seu estudo "Sobre unha evolución diverxente do latín agrum nalgúns topónimos galegos " fai referencia a varios casos de evolución na toponimia de "Agro ..." para "Gor...", así por exemplo indica os casos de Gorbidal < Agro Vidal, ou Grumiao < Agro Meao.

AS GULPILLEIRAS (A Rigueira -lugar do Pazo)
Ver "As Golpilleiras".

AS GRANDAS (O Monte -lugar de Gondar)
O mesmo que "As Gándaras". Ver "O Grandego".

AS HEDRADAS (O Monte)
De "(Casas) hedradas", probablemente indicando que este antigo núcleo de poboación foi abandonado, e que máis tarde, cando xa 
estaban en ruínas e con hedras, foron reacondicionadas e rehabitadas.

AS INSUAS (Xove)
Do latín insula. É interesante remarcar que, tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos. 

AS LAGAS (Morás, Lago -lugar de Beltrán)
O termo "laga" significa "remanso no río", e ten tamén a acepción específica de "remanso do río, con auga profunda, onde se metía o liño a 'enlagar'".

AS LAMESTRAS (Morás)
O termo "lamestra" deriva de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  tería o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro).

AS MALATAS (Portocelo -lugar de San Cristovo, Sumoas)
Ver "A Malata".

AS MEÁS (Portocelo)
As "medianas", lugar equidistante de algo.


AS MESTAS (O Monte)
O topónimo "Mestas" ven de (aquas) mixtas 'mesturadas', indicando unha confluencia de ríos ou regatos.
Outros "Mestas" nos arredores aparecen nas Grañas (Mañón), en Silán e na Curiscada (Muras).

Atopamos xa algo máis lonxe "Las Mestas" en Asturias e Cáceres, "río das Mestas" (A Coruña), "Ambasmestas" (León) e dous "Entrambasmestas" en Cantabria. En todos eles mestúranse as augas de dous ou máis ríos ou regatos.

AS MODIAS (A Rigueira -lugar de Labradela, Portocelo -lugar de Vilachá, Xuances)
O termo "modia" reférese moitas veces a unha mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

AS PAGÁS (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
O dicionario define "pagá" como "castaño novo, sen enxertar". Cf. aquí. O castaño era unha árbore moi importante antigamente, o seu fruto constituía un dos alimentos básicos indispensábeis do nosos antepasados, antes da introdución da pataca. Para dar un bon fruto, tiña que estar enxertado. No caso contrario, metafóricamente como as persoas que non estaban batizadas, chamábaselle ‘pagás’.
Alternativamente, podería estar relacionado co lugar da ermida de Santo Estevo da Pagá, en San Miguel de Reinante. Esta capela está rexistrada en 1128 como "S. Stephanus de Pagadi" (cf. aquí).

AS PENAS DO TORNO (Xove)
Ver "O Torno".

AS SEARAS (Portocelo -lugar de Portocelo)
Unha "seara" ou "senra" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.

AS SENRAS (Portocelo -lugar de San Cristovo)
O mesmo que "seara", ver "As Searas".

AS TAUGAS (Lago)
Tauga é unha forma de "táboa", posibelmente indicando un terreo chan e cadrado. Deriva do latín tabula > taboa > *tagua > tauga.

AS TORNAS (O Monte -lugar das Cancelas, Portocelo -lugar das Canelas)
Ver "A Torna".

AS XIMARREIRAS (Sumoas, Xove)
Tendo en conta que os dous topónimos "As Ximarreiras" corresponden a ladeiras ou encostas, aventuramos un significado relacionado con "sima", no senso de "precipicio".
No caso do topónimo "A Ximarreira", en Galdo,  parece confirmar esta acepción de "ladeira", ao estar localizado preto dun terraplén.

AUGALEVADA (A Rigueira, Lago, Xove)
Do latín aquam leuatam 'auga levada. O dicionario define a "levada" como "auga encanada, conducida,
 unha canle de auga derivada do río e conducida para os muíños, as presas ou as fontes". Cf. aquí.

AVENTUREIRA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Posiblemente de "A voutureira", lugar onde pousan os voutres.

BACELOS (Portocelo -lugar de Vilachá)
Os bacelos son as vides novas.

BAEL (Portocelo -lugar de San Cristovo)
De (uilla) *Baderii, dun posuidor  da uilla ("explotación agrícola") chamado Baderius, nome de orixe latina
Alternativamente, de (uilla) *Badelli, dun posuidor chamado  Badellus
Finalmente, a terceira  hipótese sería a dunha orixe en *(uilla) Valerii, dun posuidor chamado Valerius, nome de orixe latina. Esta é a máis probable, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos nos que non se perdeu o "-l-" intervocálico, tal como en Asturias.
De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presencia de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. N. Ares (2011) "Estudos de toponimia galega", Vol I

BALTAR (Sumoas)
De (uilla) *Baltarii, forma en xenitivo de Baltarius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.


BANZADO (A Rigueira -lugar de San Vicente)
O dicionario inclúe para "banzado" as acepcións de "represa dun río; depósito, natural ou artificial, nun río", e tamén "presa grande", así como "lousa grande" (cf. aquí)
Por outro lado, podemos interpretalo como derivado de "banzo", o cal define o dicionario como "chanzo, cada un dos degraus dunha escada" (cf. aquí). Na mesma liña semántica, o dicionario portugués é definido como "Cada uma das duas peças paralelas que suportam os degraus duma escada de mão. Cada um dos braços de andor, do esquife, do escano" (cf. aquí). Vemos por tanto unha semántica que apunta para "varas paralelas". Banzado sería nunha orixe un estilo de presa feita de varas, que por extensión tomaría o significado de "balsa, presa no río".

BARBEITELLO (O Monte -lugar de Penas Agudas)
Diminutivo de "barbeito". O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BELTRÁN (Lago)
De (uilla) Beltrani, dun posuidor 
 da uilla ("explotación agrícola") chamado Beltranus.

BICHICÁN (Portocelo -lugar de Vilachá)
Orixe incerta. Talvez de (Bustu) Vicani, un "busto" (corte, estábulo) dun posuidor chamado Vicanus.

BODOEDO (Xove)
De "beduedo", lugar onde abundan os bedueiros.

BRIEIRO (Xuances -lugar de Reboredo)
Talvez derivado de "camiño vrieiro", de vrea "vereda", "camiño ancho". Cf. aquí.
Outros autores, como Bascuas e máis recentemente Martínez Lema, lígano cun tema *brī-, relacionado á súa vez coa forma céltica *brei-no- "xunco, espadana" reconstruída como tal por Coromines. Cf. aquí.
Outra etimoloxía é a de F. Villar, que o relaciona co céltico  *briga 'altura', aínda que é rexeitado poderosamente por Bascuas (cf. pp. 423-490 de E. Bascuas, 2001, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17)
Cremos descartábel a interpretación que N. Ares asigna a "breeiro" como "o que dá brea ás embarcacións"(cf. "Estudos de toponimia galega". N. Ares, 2011): semella un topónimo improbábel para a frecuencia que tén. Ademais, o termo sería "garafate" (persoa que se encarrega de "garafatear" as embarcacións), en canto que "breeiro" non aparece rexistrado con este significado en ningures.

CAMBA (Xuances, A Rigueira, Xove)
Posiblemente referido á orografía "arqueada" da zona. A palabra "camba" ten varios significados, todos relacionados con "cousa curva":"
Peza curva da roda do carro" e "Val" (cf. dicionario de Cuveiro Piñol, 1876). Existe tamén o verbo "cambar", "arquear, curvar". Cf. DdD.

CABO DE VILA (Xuances, Portocelo -lugar de Vilachá)
Lugar situado no "estremo da vila".

CÁMBARA (Xuances, Portocelo)
Este topónimo é de orixe prerromana, e inclúe a raíz *camb- "curvo, combo" e o sufixo -ara  presente en palabras como gándara, Támara, etc.
Existe o topónimo relacionado "Cambareta" en Ourol.

CAMIÑO DA ATALAIA
Unha "atalaia" é un lugar de vixilancia; neste caso sería para a captura das baleas e similares que se achegaban á costa e ás rías. O apelativo "atalaia" deriva probablemente do árabe a-alā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Baleeira".
Hai topónimos "Atalaia" en toda a costa da Mariña: en Bares, Viveiro, Xove, Burela, etc.

CAMIÑO DA BALIEIRA (Morás)
Ver "A Baleeira".

CAMIÑO DO ERVILLEGO (Morás)
O termo "ervillego" estaría relacionado con "ervillaca", planta do xénero Vicia, ou co "ervello" ("chícharo"). Cf. aquí.

CAMIÑO DOS CORGOS (Morás -lugar do Barreiro)
A palabra "corgo" ten varios significados:
  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas.
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo.
Cf. aquí.

CAMIÑO DOS VISOS (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Ver "O Viso".

CAMPO SUSAO (Xuances -lugar do Cruceiro)
O "Campo de riba". O termo "Susao" ten a orixe no elemento adverbial tardolatino *susum "arriba, no alto", variante da forma clásica sursum "cara a arriba".

CANDAEDO (O Monte)
O mesmo que "carabullal", lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
Existen en Galicia unha chea de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDEAL (O Monte -lugar de Penas Agudas)
O mesmo significado que "candaedo" e "candaoso": lugar onde abundan os "candos". Ver "Candaedo".

CANIDO (Xuances -lugar de Ceranzos)
O mesmo que "canedo", lugar onde abundan as "canas" (canaveiras). 

CARDIDE (Lago)
Posiblemente o mesmo que "cardal": "sitio onde abundan os cardos." 
O sufixo en -ide non é máis que unha variante dos sufixos abundanciais comúns -edo e -ido. así teixide - teixido.

CAXOTAS (A Rigueira -lugar de Vila)
Orixe descoñecida. Talvez derivado do alcume do posuidor ("agro do caxotas"). O termo "caxota" significa "folgazanaría, actitude de deixar ao azar". Cf. aquí.

CERANZOS (Xuances)
Este topónimo, ten orixe prerromana
, incluíndo o sufixo -nt-, e foi incluído polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos de orixe paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker- 'de cor escura, suxo, gris'. Cf. p. 301 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

COÍDO (Portocelo -lugar de Vilachá)
Un coído é un lugar onde abundan os coios, "pelouros".

CONFORCADAS (A Rigueira -lugar de Canaledo)
Derivado do latín *cum-furcum 'confluencia, galla'. A partícula cum reforzaría o senso de confluencia.

CONGOSTRA (Varias)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". 
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. Cfaquí.

CONTARIZ (Lago)
De (uilla) *Conterici, forma en xenitivo de Contericus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade MediaCf. aquí.

CORNAS (Morás, Portocelo, Xove)
Posiblemente referido a lugar pedregoso.
Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa'. Cf. F. Cabeza, "A toponimia celta de Galicia", 2014.
Gonzalo Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun senso metafórico orográfico. Cf. aquí.

CORNIDE (A Rigueira)
Un "cornide" ou "cornido", segúndo Sarmiento, derivaría de cornu, e sería un lugar onde abunda a "cerdeira silvestre", con denominación científica Sorbus aucuparia.
Porén, outros autores poñen en dúbida esta hipótese. Gonzalo Navaza, recoñecendo esta dúbida, apunta a un termo derivado de "corno" nun senso orográfico. Cf. aquí.

COSPEITO (Xuances -lugar de Illade)
De (agru) Conspectus, terras dun posuidor chamado Conspectus.

ESTEIRO (Xuances)
O mesmo que "estuario", "enseada". 

ENXUDRE (Chavín, Valcarría)
Os termos "enxudre", "xudre", "zudre" ou "xurro" teñen dúas acepcións: unha de "liquido que sae dos lugares de depósito, como latrinas e vertedoiros", e outra de "torrente, auga que escorre".
Xeralmente, o significado destes topónimos, non situados en zonas de poboación, corresponde ao de "auga que escorre de chuvia, torrente".

FERROL (A Rigueira)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolus, nome do posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Este nome aparece documentado cerca de 1160 como Ferrioli, en liña con esa hipótese. Cf. p. 123 de N. Ares "Estudos de toponimia galega".
Habería, contodo, outras hipóteses, asumindo unha orixe do nome deste núcleo de poboación igual á de "Ferrol" da Coruña. Para máis detalle de hipóteses, incluíndo hipóteses "orixinais", ver o artigo >> este.
Hai outros "Ferrol" próximos, como e.g. o de San Xusto de Cabarcos (Barreiros) e en Alfoz.

FOCELLAL (A Rigueira)
Lugar onde hai foces. Unha "foz" é unha "desembocadura de río", e tamén un "desfiladeiro". Cf. aquí.

FONTAMAR (Morás)
Significado incerto. Posiblemente composto de "Fonte Amar".
O termo "amar" posiblemente teña orixe paleoeuropea (e por tanto, precelta), e derive da raíz indoeuropea *am-, frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana, e cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).
Alternativamente, podería vir de Amari, xenitivo de Amarus, ou de Amari, xenitivo de Ademarus, nome de antigo posesor.

FONTAO (Xuances)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente  derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).
Cabeza Quiles interprétao como derivado do nome dun posesor chamado Fontanus .

FONTE DE DAIÁN (A Rigueira -lugar de Veiga)
De (uilla) *Dadilani, forma en xenitivo de Dadila, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")
É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media. Cf. aquí.

FONTE DE FONTOURO (Xuances)
Ver "A Chousa do Ouro".

FONTEMOL (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Composto de "Fonte Mol". A orixe do termo "Mol" é incerta neste caso. Podería provir de 
Mauri, xenitivo de Maurus, nome dun antigo posuidor.
Alternativamente, aínda que parece máis improbable, pode ser o significado transparente do adxetivo mol, cualificando as características da fonte ou da auga.

FORMARÍS (Xuances -lugar de Reboredo)
De (uilla) *Fromarici, forma en xenitivo de Fromaricus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
No entanto, é apenas unha hipótese, non totalmente resolta, debido á extraña terminación -ís frente á usual -iz.

FRÁDEGAS (Xuances -lugar de Fontao)
Unha "frádiga" ou "frádega" é unha "casa de frades, convento".

FUNQUEIXEIRA (Portocelo)
De "Fonte Queixeira",
 de capsaria, por estar "encaixada", nun lugar fondo. Non parece que estea relacionado co adxectivo "queixeira", de "queixa" ou "queixo".

Hai quen apunta outras orixes: está atestado no ano 785 "Sancti Petri de Casario", o actual San Pedro de Queixeiro, en Antas de Ulla. Nun documento do ano 875 documéntase en León unha "Fonte Casiaria". Cf. aquí. Porén, ambos casos documentados poderían estar derivados dun "hiperlatinismo" do escriba e parece difícil no primeiro caso "casario" evoluir para "queixeiro" en lugar de "caseiro", amplamente rexistrado.
Existe outra "Fonqueixeira" na Balsa (Muras).

GALBÁ (Lago -lugar de Casas Longas), GALBÁN (A Regueira, Xove)
Estes lugares posiblemente estean referidos ao alcume de antigos posuidores.

GONDAR (O Monte)
De (uilla) *Gondiarii, forma en xenitivo de Gondiarius, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

GONDUFE (A Rigueira -lugar da Ponte do Carro)
De (uilla) *Gondulfi, forma en xenitivo de Gondulfus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

GUDÍN (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
De (uilla) *Gutini, forma en xenitivo de Gutinus, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola")É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Hai un Vilagudín en San Román (O Vicedo).

ILLA DE ANSARÓN (Morás), ILLA DE SARÓN (Morás)
A illa de Sarón, ou "Ansarón" dunhas dez hectáreas, é alta e abrupta, con áreas de cría de aves mariñas. 
Pese ás aves, non cremos que o topónimo teña relación directa co "ánsar" (ou ansariño), do latín anser (á súa vez do indoeuropeo *ghans-). 

É preciso termos en conta o nome alternativo que tén "Illa de Sarón", que podería indicar unha orixe en *Sarone, e este da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', frecuente na hidronimia paleoeuropea, tais como os ríos Sar, Sarela, Sor, etc.
Isto levaríanos para unha orixe hidronímica, presente tamén en formas similares como "Fontansares" (< Fonte Ansares) no Val do Dubra, así como o río "Riánsares" (<río Ánsares) en Castilla-La Mancha.

Cremos menos probable, aínda que posible, que derive de *Ansarone/ Ansaroni forma en acusativo/xenitivo de Ansaranome de orixe xermánica, documentado en Galiza (cf. aquí). As razóns para descartalo son, por unha banda a indicada da existencia do topónimo alternativo "Sarón", e pola outra que, aínda que existe Ansara, Ansarone non está recollido.

ILLADE (Xuances)
Posiblemente derivado de *(uilla) Eliati
forma en xenitivo de Elia (Elías), nome dun posuidor  da uilla ("explotación agrícola").

INFESTA (A Rigueira -lugar de Vilela)
O mesmo que "enfesta" 'cume, pico, lugar alto'. Cf. aquí.


LAMABOA (Xove)
"Lamaboa" é composto por aglutinación do adxectivo "boa" e do substantivo "lama". Faría referencia, por tanto, a un "pasteiro (lameiro) produtivo".
Canto a "lama", aínda que comunmente refira unha ‘masa branda que se forma ao mesturarse terra, area, follas, con auga’ (cf. "lama" no DRAG), neste caso tería un significado similar ao recollido por E. Rivas en Medeiros e Sarreaus (Ourense): ‘terreo baldío, comunal, con pastos para o gado do vecindario. Neste senso, tamén J. Piel indica para "lama" que "da acepción primitiva ‘terreo baixo pantanoso’ desenvolveuse a de ‘pradeira húmida no verán’". Cf. J. Piel, "Estudos de linguística histórica galego-portuguesa", 1989.

LODEIRO (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama". 
Ten tamén unha segunda acepción de "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", aínda que máis probable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha arbre incomún. 

LOURIDO (Xuances)
Lugar onde abundan os loureiros.

MAELLE (A Rigueira)
Posiblemente de *(uilla) Manilii, forma e xenitivo de  Maniliusnome do posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe latina.

MASCOTELOS (A Rigueira -lugar de Veiga)
Mascotelo é o diminutivo de "mascoto". 
Existen varias "Penas do mascoto" e "Monte do mascoto" na xeografía galega, que en xeral referirían á forma de mazo que presenta a rocha ou monte.
Ao existiren tantos "mascoto" desbotamos que todos sexan deturpacións de "mascato" (unha ave), senón máis ben a forma de "mazo" que terían.
O termo "mascoto", aínda que non se conserve no galego actual, si se conserva en portugués, e é unha especie de mazo, ben grande de metal ou ben de madeira. Cf. aquí.
Alternativamente, podería ser un termo orónimo prerromano que incluiría o coñecido elemento "coto".

MERIXE (Portocelo)
De *(agru) Meridii,  agro dun posuidor chamado *Meridiu, do latín Meridius. Cf. M. Costa.

MEITERÁN (A Rigueira -lugar de Pradovello)
Talvez de *(agru) Mactiramni, forma en xenitivo de *Mactiramnus, o nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica.
Porén, é apenas unha hipótese, non se atopou documentación antiga que confirme esta combinación (orixinado de mahti  hramnus).

MEITÍN (Xuances)
De *(agru) Mactini
 forma en xenitivo de Mactinus, nome do antigo posuidor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Cf. M. Costa aquí.

MEITÓN (Xuances)
De *(agru) Mactoni
forma en xenitivo de Mactonius, nome do antigo posuidor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Cf. M. Costa aquí.

MESTRÁDEGOS (Xuances) 
O dicionario define "mestrádego" como "territorio da xurisdición do mestre, de calquera das ordes militares". Cf. aquí.
Descoñecemos se este outeiro tería pertencido a algunha orde militar.

MONTEBELLE (Lago)
Do  *Mons  Belli(i), monte dun posuidor de nome Bellius ou Bellus
A forma Belli está documentada en Galiza en documentos medievais  (cf. A. Rodríguez Colmenero - 1977).

MORÁS (Morás)
Posiblemente de (uilla) Mauranes
forma en xenitivo de Mauran, nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.
Esta parroquia xa está atestada en 1378 como "Moraes"Cf. M. Costa aquí.

MOUCIDE (Portocelo -lugar de Vilapol)
Etimoloxía e orixe incertas. 
A veciña parroquia de Moucide (O Valadouro) figura nun documento de 1128 como "S. Stephanus de Moucido" (cf. aquí). Asumindo que tivo por tanto a forma "Moucido", pode interpretarse como contendo o sufixo abundancial -ido. 
É de notar que a evolución de Moucido>Moucide é común na Mariña Central, sendo a mesma que a que se deu en topónimos como "Mexilluíde" ou "Teixide".

MUIÑO DA COTARELA (Lago)
Un "cotarelo" é un pequeno outeiro ou coto (cf. aquí). 
É común indicar o muíño referenciado ao lugar onde está situado, así atopamos topónimos como "Muíño da Devesa", "Muíño da Fraga", "Muíño da Granda", etc.

O ABELAEDO (San Román, Portocelo -lugar de Vilapol)
Sitio onde abundan as abeleiras. 
Existe outro "Abelaedo" no concello do Vicedo.

O ACAROADO (Xuances -lugar de Toimil)
De "o agro acaroado", ver "A Acaroada".

O AMEIXÓN (A Rigueira)
O nome "ameixón" podería estar relacionado  co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas ou o gado). O feito de se referir neste caso a un monte/outeiro, parece confirmar esta hipótese.
Aínda que improbábel sendo unha pena, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se hai regatos na zona, lugar onde abundaba o "meixón".

O AMIDO (A Rigueira -lugar da Abelá)
Lugar onde abundan os  ameneiros.

O BARGO (Xuances -lugar de Pereiraboa)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas.
Neste caso reflexaría posiblemente unha finca chousada con bargos.
A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán várgano 'Cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'. No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

O BERGAZO (A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Posiblemente referindo unha "construción feita con varas (trenzadas)", do latín virga. Isto corresponde con termos análogos como "pallaza" para unha construción con tellado de palla, Cortegaza (no Valadouro) "cabana feita de cortiza", e Taboaço ‘(construción) feita con táboas’. Tamén está documentado en 1524 "moradas palhaças", construcións telladas con palla. Cf. aquí.
Alternativamente, J. Moralejo dálle unha posible orixe céltica, en  *brig- "colina" e mais o sufixo *-akya, aínda que recoñece que hai outras opcións. Cf. aquí.
Existe tamén o topónimo "Os Berganzos" no Monte.

O BATÁN (A Rigueira -lugar de Cornide, Lago), A Rigueira)
Do latín battere, bater, golpear. 
Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído

O BAZALAR (Morás -lugar da Aldea de Abaixo)
Probablemente de "bacelar", que tén dous significados: "lugar plantado de bacelos, vides novas", e tamén o de "Casal, granxa".
O termo "bacelo" vén do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, ao lembrar os bacelos a forma dun bastón.

O BECEIRO (A Rigueira -lugar de Pradovello)
Grafía alternativa de "veceiro". O termo "veceiro", derivado de "vez", ten dúas acepcións:
1) persoa que exerce un cargo por vez ou turno. En particular, o veciño que leva, por turnos, os rabaños dos demais ao monte.
2) "Aneiro", árbore que dá froito en anos alternos.
Cf. aquí.
Tamén pode corresponder co apelido dun antigo poseedor deste terreo, aínda que e menos probable, pois o apelido "Beceiro" soamente ten certa frecuencia na comarca do Ortegal. Cf. aquí.

O BELLEGAL (Morás, Portocelo)
Bellegal ou Vellegal significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. aquí.

O BORREXO (A Rigueira -lugar de Canaledo)
Talvez diminutivo de "borro", "residuo".
Cf. aquí.
Alternativamente, pequena morea de herba. Cf. aquí.

O BOURÉS (A Rigueira -lugar de Canaledo, A Rigueira -lugar de Regosangüento)
Terreo pertencente a un antigo posesor orixinario de Bouro/a. A localización dese "Bouro" non é clara; temos a poboación das Bouroas, en Sta. Cilla do Valadouro (Foz), e máis lonxe existen varios Bouro en Portugal, como as "Terras do Bouro". 

O CABAGOSO (O Monte)
Posiblemente de "cavacoso", lugar onde abundan os "cavacos" ("guizos"), moitas veces resultantes da queima do monte para as "rozas".

O CACAREXEIRO (Morás)
Lugar onde hai cacarexóns, morangos silvestres.

O CACHÓN (A Rigueira -lugar de Vilela)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CADAVAL (Morás, Lago -lugar de Vilar, Morás, Portocelo, Lago)
Lugar onde abundan os cádavos: "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

O CADAVIÑO (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Pequeno cádavo, "toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

O CALVARIO (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo, Portocelo -lugar de Vilachá)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.

O CALVOSO (A Rigueira, Lago)
Tanto "calvo", "calva" como "calvelo", "calvela" e "calvoso" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

O CAMPÓN (varios)
Un "campón" designa un prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

O CARNEIRO (Xuances -lugar de Prada)
Alén do significado obvio, non se pode descartar a priori que proveña da raíz prerromana *karn-, relacionada con "pedra, rochedo", tal como indica as "penas" deste topónimo. Cf. aquí.
Tampouco podemos descartar un posuidor co alcume "Carneiro".

O CARRACEDO (Xuances, O Monte -lugar de Gondar)
Indica abundancia da planta camada "carrizo". Algunhas veces pode ser relativo a outra planta, o "carrasco".

CASAL DO OUTEIRO (O Monte -lugar de Loureiro), CASAL DO CONDE (O Monte)
Casal, do latín casalis, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASCALLAL (A Rigueira -lugar de Cornide)
Lugar onde abunda o "cascabullo", as cascas. Escombreira.

O CEAO (Portocelo)
Topónimo de orixe prerromana, que significaría "o escuro" ou "o rápido", posibelmente referido a un hidrónimo.
En efecto, os topónimos "Ceao" e "Ciao" foron incluídos polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos de orixe paleoeuropea, derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'moverse'. Cf. p. 264 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Bascuas cita un "Montem Zeanum" en 1154, o cal nos permite desbotar outras orixes, tais como nun antropónimo Ocianus ou de Occianus (hipocorístico de Occius), ambos   de orixe céltica, ou tamén deOceanus, ou Silanus de orixe latina (cf. Kajanto), ou dun *Cilanusantropónimo ligado co pobo dos cileni, do que fala Plinio.

O CELEIRIÑO (Portocelo -lugar de Vilapol)
Diminutivo de "celeiro", o cal deriva do latín cellarium, e faría referencia a "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". Cf. aquí.
Hai outro topónimo "O Celeiriño" en Celeiro (Viveiro).

O CHAO DE COS (Morás)
Topónimo transparente: un lugar chao, na costa, enfrente do cal se sitúan varios "cons". Un "con" defíneo o dicionario de X. L. Franco como "penasco, pena grande, polo xeral puntiaguda e escarpada, que se ergue da auga e fica ao  descuberto na baixamar". Cf. aquí.

O CHAO DO MILLERIDO (Xuances)
Posiblemente de "millarido", lugar onde se planta o millo (posiblemente o "millo miúdo", o que era chamado "millo" antes de ter chegado o millo da América).

O CHAO DOS ILLÓS (O Monte)
O seu significado é de "o chao onde hai pequenos mananciais de auga". 
O  termo "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. aquí).
A orixe é controversa, talvez do latín vulgar *oculiolu, ou  derívano dun termo prerromano, paleoeuropeo (cf. e.g. E. Bascuas).

O CIBADOIRO (A Rigueira)
O termo "cibadoiro" semella grafía alternativa de "cebadoiro", o cal ten varios significados:
  • lugar onde se garda a cebada.
  • Sitio onde se engorda e se ceban os animais.
  • Sitio no que se acostuma poñer o cebo para para atraer a caza.
Existe outro "Cibadoiro" en Nois.
A mesma consideración que fai  G. Navaza para o topónimo "Acibadoiro", tamén aplicaría neste caso: descartar a súa relación con "acivo", dada a terminación en -oiro, sufixo que indica "actividade, lugar onde se realiza unha actividade".

O COITELO (Morás)
Tal vez "Monte escarpado", "coitelo" polo escarpado do monte. 

O COTO DA CROA (O Monte -lugar de Gondar)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

O COTO DO OURO (Xuances -lugar de Prada)
Ver "A Chousa do Ouro".

O COUCELO (Sumoas -lugar dos Carballás)
Diminutivo de "couce", co antigo sufixo -elo. Couce ten múltiples acepcións; nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".

Tamén Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 


O COVELO (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba, A Rigueira -lugar do Pazo)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

O CURRO DE NAIA (A Rigueira)
O termo "Naia" é unha variante de "Navia", de orixe prerromana, e indicaría orixinariamente unha concavidade no terreo.
En canto a "curro", o dicionario de X. L. Franco defíneo como "lugar descuberto e cercado onde se encerran as cabalarías que se crían no monte para marcalas". Cf. aquí.

O ESCOURIDO (A Rigueira)
Onde abunda a "escoura", pedra de cor do ferro.

O FOLGUEIRO (Morás)
"Lugar onde abundan os felgos".

O FONDAL DO OURO (Xuances)
Ver "A Chousa do Ouro".

O FONDÓN (Morás, Portocelo -lugar de San Cristovo)
O lugar máis profundo, rodeado de terreos máis altos.

O FORCÓN (A Rigueira, A Rigueira -lugar dos Cortellos, O Monte -lugar de Penas Agudas, Xove)
O significado do topónimo "forcón", frecuente nos concellos da zona, é incerto. 
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". Posiblemente referido a unha árbore gallada ou, máis probable, a unha bifurcación de camiño ou río ou montañas, neste último caso, no sentido de "desfiladeiro".
acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

O FORO (Sumoas, Morás -lugar da Aldea de Abaixo, A Rigueira -lugar da Abelá, Xuances -lugar de Reboredo)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O FOXO (Sumoas, Xuances -lugar de Esteiro)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo: "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

O FRANCO (Lago, Xuances -lugar de Cabo de Vila)
De "(o)  terreo franco", ou "(terreo do) Franco". Os topónimos "Franco" ou "Francos" son explicados nunha entrada aparte >> aquí.

O GALIÑEIRO 
(Xuances -lugar da Pena)
Posiblemente relacionado con "formacións rochosas". Ver "A Galiña".

O GALIÑO (Xove)
Posiblemente relacionado con "formacións rochosas". Ver "A Galiña".

O GRANDEGO (A Rigueira -lugar de Vila)
Derivado de  "granda" (
"gándara"). Ver "A Granda".

O GRAÑÉS (O Monte -lugar de Vilariño, A Rigueira -lugar de Canaledo)
Finca pertencente a un orixinario das Grañas, ou que habita nunha "graña" (granxa").

O GUIUNCHEIRO (Portocelo -lugar de Vilachá)
Posiblemente de "aguiucheiro", lugar frecuentado polos aguiúchos (os pitos das aguias). O engadido do -n- poderíase explicar pola interferencia co termo "guincho". 
De feito, existe unha punta costeira en Portocelo (Xove) chamada "Guincheiros".
Alternativamente, aínda que menos probábel, derivado do latín acus "agulla", referido ao aguzado que é o terreo. De feito, está rexistrado o termo acuncula referido a "agulla pequena". Cf. aquí.

O GUXEIRO (A Rigueira)
Significado e orixe incerta.
Talvez forma evoluída de "buxeira", lugar onde abundan os buxos. A evolución sería similar á de volpe>golpe, ou suevos>suegos.
Esta interpretación é reforzada pola existencia do topónimo "A Guxeira" e "O Guxido" en Celeiro de Mariñaos (Barreiros).
Os dous topónimos anteriores indicados, tamén descartan interpretalo como un castelanismo de "agujero".

O LODAIRO (Sumoas)
O termo "lodairo" podería indicar o mesmo que "lodeiro" 'lameira, terreo con lama'. 

Ten tamén unha segunda acepción de "lodairo" (de lotanarium) ou "lamigueiro" é unha árbore da familia das salicáceas (populus nigra), de casca rugosa e copa máis ou menos ovoide, de madeira branca, lixeira, e de pouca calidade.

O LUGAR DE LOUZAO (A Rigueira -lugar da Abelá)
Proba
blemente, neste caso, "Louzao" refira ao apelido dun antigo propietario.
O apelido "Louzao", atestado xa na Idade Media, e irmán do portugués Loução e do castelán Lozanotería a orixe nun alcume positivo do portador,  a partir dun hipotético *Lautianusa partir do latín lautus 'suntuoso'. O sentido primeiro sería 'elegante', logo 'fermoso' e finalmente 'frondoso, luxuriante'. Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

O MALLE (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
O dicionario define "malle" como sinónimo de "mallo" (cf. aquí). O dicionario de 
Constantino García refere outra acepción, nesta zona, de "martelo de forxa" (cf. C. García, 1985. "Glosario de voces galegas de hoxe").

O MARRAXÓN (O Monte -lugar de Gondar)
O nome deste outeiro ten unha orixe incerta. Este topónimo localízase en varios sitios de Galiza, como nas Pontes e no "Monte do Marraxón" en Ferrol.

O MEAO (Morás)
Posiblemente de "mediano", equidistante entre dous lugares.

O MEIXIDO (Xuances -lugar de Toimil)
Talvez de "ameixido", lugar onde abundan as "ameixeiras". Alternativamente, referido a abundancia de "meixón", a cría da anguía. Existe "As Meixosas" en Muras, que apuntan nesta hipótese.

O MELÓN (A Rigueira -lugar do Torrillón)
Posiblemente 
a dunha raíz indoeuropea *mel- "aparecer, emerxer", frecuente nas distintas linguas derivadas, e que atinxiu nelas valores de tipo oronímico e hidronímico. Cf. aquí.

O MONTE SOBRADO (O Monte -lugar de Gondar)
O apelativo "sobrado" refere en galego ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Xeralmente, é interpretado como derivado de superatum, no senso de 'sitio alto, eminente'. Así, I. Millán defíneo como "tierra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Esta interpretación encaixa no caso que nos ocupa do  "Monte Sobrado".
Por outro lado, J. Piel interpretou "sobrado" como pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala), as tres denominando "residencias máis ou menos fidalgas" (cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953). Aplicaríase, xa que logo, no senso de casa de certo lustre ao ter varios andares.
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de "suberatum", tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

O MURO DO BISPO (Xuances)
O termo "Bispo", 
do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval. Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".

O PAINZAL (Portocelo -lugar de Vilapol)
Lugar con paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo. 

O PEDRÓN (Portocelo -lugar de Vilachá, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo. Cf. aquí.

O PEILAO (Morás)
Posiblemente de "agro do peilao", sendo "peilao" o alcume dun antigo posesor. O termo "peilao" indica "palanquín, folgazán".

O PENIDO CANDO (O Monte -lugar de Loureiro)
O significado é incerto, talvez "penido en forma de xota" (retoño de castaño), aínda que neste caso parece máis probábel que sexa "penido brillante", co termo "cando" como adxectivo, preservando o significado de "brillante", como no termo orixinario indoeuropeo.

Un "cando", segundo o dicionario, é un "retoño grande do castaño"
(cf. aquí). Segundo G. Navaza, o termo "cando" en xeral designa "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado", "guizo, chamizo"  (cf. aquí). En canto á etimoloxía, é discutíbel, ainda que parece remontar a unha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar', 'lúa', como no lat. candeo "brillar", "arder" e os seus múltiples derivados, como "acender", "candela", entre outros. Partindo desta raíz postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría o asturiano cándano e o galego "cando". 

Existen en Galicia multitude de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

O PRADO DA MOA (A Rigueira -lugar de Vilela)
Unha "moa" é unha pedra redonda, tanto a que se usa de pedra de muíño como a que se usa para afiar. Posiblemente referido a un penedo de forma de moa, redondo, ainda que descoñecemos o lugar concreto.

O RECONCO (A Rigueira -lugar de Vila)
O termo "reconco" designa un "meandro" dun río. Cf. aquí.

O REGO DA VARA (Portocelo -lugar de San Cristovo)
Ver "A Vara".

O REGUENGO (A Rigueira -lugar de Pazos)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por terlle pertencido. Cf. aquí.
O nome provén do latín tardío regalengum, no sentido adjetivo de real, pertencente ao rei, patrimonio do rei. Como arcaísmo, significa “terra que por conquista ou confiscación era incorporada ao patrimonio real” ou tamén “foros, dereitos que, recaendo en certas terras, pertencían á Coroa” (cf. p. 452, "Grande Dicionário da Língua Portuguesa").

O REQUEIXO (A Rigueira -lugar de San Vicente)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. aquí)  ou tamén lugar apartado, nun recanto.
Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".(cf. E. Bascuas, inVERBA, 2000)

O ROLADOIRO (Xuances -lugar de Toimil)
Indicaría o sitio onde se rolan ou arrolan cousas.
O sufixo -doiro xeralmente indica lugar onde se realiza unha certa acción. A acción sería "rolar" ("dar voltas sobre si mesmo"), ou ben de "arrolar" ("botarse polo chan dando voltas", "mecer")

O ROMEO (Xuances, Sumoas -lugar da Aldea de Arriba,  A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Pode ter orixe no adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago. Indicaría, portanto, "o agro do peregrino".
Outra interpretación sería basado no nome dun antigo posuidor chamado Romeo, significaría, portanto, "o agro de Romeo".

Alternativamente, poden estar relacionados coa planta así chamada, que ten o nome científico de rosmarinus officinalis. No entanto, é improbábel, xa que neste caso, se indicase lugar onde abunda a planta "romeo", o normal sería que levase algún sufixo abundancial.

O RUBAL (A Rigueira -lugar de Vila)
Os topónimos "Rubial" e "Rubal" son, en xeral, interpretados como "(terra) rubal", "terra de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas, incluso hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro).
Alternativamente, neste caso podería vir de "(terras) do Rubal", indicando o apelido ou alcume dun antigo posuidor do terreo.

O SISTO (Morás)
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf.  L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos  "Sistelos",  "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, 1987, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz".

O SOUTO (varios)
Do latín saltum, orixinariamente era "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos". 
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, talvez por iso a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza. 

O TARANCO (O Monte -lugar do Soutevello)
O termo "taranco" é de orixe prerromana, posiblemente céltica (cf. aquí), e inclúe os elementos *tar- "altura" e *-anc-, locativo. Tería, portanto, orixinariamente un significado de "lugar situado no alto".

O TAROLO (A Rigueira -lugar de San Vicente)
Podería indicar o alcume dun antigo posuidor. Así, "tarolo" significa "irreflexivo".
Porén, a transcrición fonética que indica a Xunta (por disgraza non sempre fiable) indica que os dous "o" serían pechados, /tarôlo/. Se este for o caso, tería un significado distinto, talvez derivado de "toro" ("tronco"), tal como o nome idéntico en portugués. Cf. aquí.

O TORRILLÓN (A Rigueira)
A priori, o termo tería derivado de "torre", e podería ter sido unha torre de vixilancia, ou ben restos de castro... E de feito, existe o "Castro do Torrillón", que sería portanto unha suposta tautoloxía, fenómeno relativamente frecuente na toponimia.
Na Mariña hai outro Torrillón nas Negradas (O Vicedo), que non parece corresponderse con ningunha antiga torre nin castro, e que lle asignamos por iso unha raíz prerromana *tur-.
Alternativamente, atrevemos a asignarlle unha orixe prerromana, de algo similar a *tur(r)ilione. En efeito, non somente a raíz prerromana *tur-, é frecuente na toponimia peninsular, senón tamén o elemento -il-. Ademais, o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf.  aquí:  F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). A favor desta hipótese, lembrar topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

O TORNO (O Monte -lugar de Penas Agudas, O Monte -lugar de Soutevello)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí  para máis detalles.

O ULLEIRO (Xuances -lugar de Prada)
Un "ulleiro" defínese no dicionario como "lugar onde nace a auga", "manancial en sitio chan", "pántano". Cf. aquí.

O UZAL (A Rigueira)
O apelativo "uzal" indica un lugar no que abundan as uces (cast. "brezo"). Noutras zonas chámase "barcial" (de barcia) Cf. aquí

O VEDRANCO (Morás), O VEDRO VELLO (A Rigueira -lugar do Torrillón)
O termo "Vedrando" é un derivado de "vedro".
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello". No entanto, nestes casos, posiblemente corresponda á outra acepción, a de "monte de rozas, que se cava para despois cultivalo con trigo ou centeo". Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blituma planta amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado". Nótese a existencia de "Vedrido" no concello.
Como sempre, a documentación antiga axudaría a clarexar a orixe.

O VILAR (O Monte -lugar de Loureiro, Xuances -lugar de Reboredo, Morás)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia". Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)".  
É posíbel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados. Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. aquí.

O VILARIÑO (O Monte)
Pequeno vilar. Ver "O Vilar".

O VISO (A Rigueira -lugar dos Cortellos, Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Un "viso" é "un sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí.

O XARAL (Lago)
Terras de "xabre" (unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). Na comarca, existen outros "Xaral": nas Negradas, nas Grañas do Sor, etc. Tamén existe "xuxarrido", de "xarrido" en Bares.

OS ANIDOS (A Rigueira -lugar de Vila)
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses", n. 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares(< *an-aris), Ar(< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira", frecuentemente asociados a hidrónimos, teñen  tamén a mesma orixe temática.

"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe).

OS BERGANZOS (O Monte -lugar das Cancelas)
Posiblemente de orixe céltica.  J. Moralejo derívao de *brig- ("colina") e mais o sufixo *-antio. Cf. aquí.
Existe tamén o topónimo "O Bergazo" na Rigueira.

OS CAÍNZOS (Sumoas)
Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas como o que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais. 

OS CALVOS (Portocelo -lugar de Vilapol, Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Tanto "calvo", "calva"  como "calvelo", "calvela" e "calveira" referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

OS CAMPÓS (Portocelo -lugar de Vilapol)
Un campón é un prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

OS CANAVÁS (Morás)
Lugar onde abundan as canaveiras.

OS CARCIDES (Portocelo)
Probablemente, variante de "carcedos" (a terminación abundancial -ide é frecuente en Xove, ver as entradas "Porride" ou "Teixide" para máis detalles). De feito, existe un 
 "Carcedo" en Asturias, que parece confirmar esta hipótese. Carcide e Carcedo serían variantes de "carracedo", lugar onde abunda o carrizo (unha planta).
Alternativamente, podería talvez derivar do apelido "Carcide" dun antigo posuidor.

OS CORGOS (varios)
Posiblemente "corgo" signifique neste contexto "canos polos que escorre a auga". A palabra "corgo" ten varios significados:
  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas.
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo.
Cf. aquí.


OS COVELARES (Portocelo -lugar de Vilachá)
Lugar onde hai covelos. Un "covelo" é o diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

OS CUARTOS (Portocelo -lugar de San Cristovo)
Posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido. 

Existe tamén  "Xesteira de Cartas" no Valadouro. En Foz "Cartas", e o mesmo en Mandiás (Ferrol). Tamén en Montoxo, en Régoa e Cedeira existen "Cartas" e "Os Cartos", así como "A Leira de Cartas". En outras parroquias de Cedeira hai máis "Cartas", e en Doncos, nas Nogais encontramos "As Cuartas", e  "Cartas" en Laxe, na Costa da Morte.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas" en Monterrei.

Cf. aquí

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos.

OS FOROS (A Rigueira -lugar da Vila)

Ver "O Foro".

OS FOXOS (O Monte -lugar de Penas agudas)
Ver "O Foxo".

OS FURCOS (Portocelo -lugar de Vilapol)
O termo "furco" ten varias acepcións. Neste caso, a máis probábel sería a de "foxo, furaco" (cf. Dicionario Estravis, E. Rivas "Frampas").


OS GALLEIROS (Portocelo -lugar de Vilachá)
O nome deste cantil indica "cantil rochoso", e proviría do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

OS MARTELOS (A Rigueira)
O termo "martelos" posiblemente indique a existencia dun batán ou mazo hidráulico, quer para bater o liño ou tamén para labores de ferreiro.

OS MONTEIROS (O Monte -lugar de Loureiro, Lago)
En xeral "monteiro" significa "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores." (cf. aquí), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”. Por tanto "Os Monteiros" indicaría posiblemente o lugar onde vivía unha familia cuxo ascendente se tería adicado á montaría.

As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras. Cf. A. Reboreda, "Espazos lupinos de Galicia: os foxos do lobo". 2009 (aquí).

OS NOVÁS (Lago)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova.
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

OS PARAÑOS (Sumoas)
"O Paraño", de Castelao.
O termo "paraño" é definido no dicionario de L. Carré como "lugar amparado, protexido". Cf. aquí. Podería significar "terra con certos "privilegios", tamén recollido así en portugués."

Outros significados, como "aparador" ou o  tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira" parecen máis improbables dada a cantidade de topónimos que aparecen nos concellos cercanos (en Sumoas, en Valcarría, en Covas, etc). Así e todo, podería estar relacionado con pedras asociadas a construcción megalítica antiga, de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros".


OS PELAMIOS (A Rigueira -lugar de Canaledo)
De "pelamio", "lugar onde houbo curtidorías de pel". Cf. Cabeza Quiles "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posuidores que eran curtidores.

OS POLEIROS (A Rigueira -lugar do Torrillón)
O termo "poleiro" significa "galiñeiro", "pau no galiñeiro onde se pousan as galiñas". 
Podería ter sido un alcume familiar, tal como ocorre en moitos topónimos en plural destas características, indicando por tanto a antiga pertenza á familia dese alcume.

OS VEDROS (A Rigueira, Portocelo, Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo, Portocelo -lugar de San Cristovo, Morás -lugar da Aldea de Abaixo)
Aínda que, xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello", nestes casos posiblemente corresponda á outra acepción:  "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo".
Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado". Nótese a existencia de "Vedrido" no concello.
Como sempre, a documentación antiga axudaríanos.

PAIALBO (Lago -lugar de Casas Longas)
De "peago albo" ou de "Paio Albo". 
Os apelativos "peago" e "piago", derivados de pelagiu, teñen dúas acepcións principais, "poza profunda no río" ou "lugar ao pé do mar". 
En canto a "Albo", tería o significado usual de "branco".
Alternativamente, de "Paio Albo", que podería corresponder ao nome dun antigo posuidor, pois o apelido "Albo" ten certa frecuencia na Mariña.
Unha terceira hipótese sería de "pagu albu", de "pago".

PARABILLEIRAS (Xuances -lugar de Illade)
De "pedras billeiras". Unha "pedra billeira", ou sexa, pedra da billa, é a pedra na que apoia a buxa ou final do cubo onde salta a agua nas pas do rodicio. Cf. aquí.

Non fica clara a relación cun topónimo. Descoñecemos se refere a abundancia de pedras axeitadas para tal fin ou a algunha forma metafórica, incluíndo a posibilidade de ser un antigo alcume.


Alternativamente, non podemos descartar (máxime cando o significado anterior non encaixa totalmente) que proveña de "(terras) *parballeiras". O termo "parballeira" consérvase no portugués, coa grafia parvalheira, e significa "terra inculta, de mala calidade, e afastada da poboación". Cf. aquí.

PARDIÑAS 
(Xuances)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina,  "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado".

PAZOS (A Rigueira)
O termo "pazo" deriva de palatium, usado no sentido de "casa señorial".
Alternativamente, podería ser un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos poderían corresponder cos palatium latinos no sentido de "casa señorial".
J. J. Moralejo (2007) "Callaica Nomina", refere estes topónimos ao prelatino palatio,  "lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, curro".

PEDRA CHANTADA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Este é un topónimo bastante frecuente, e indica un lugar onde hai ou houbo un marco, ás veces un prehistórico (un menhir), outras veces un marco, medieval ou máis moderno, limitador de territorios (por exemplo parroquias).

PEDRIDE (Xove, A Rigueira, Morás)
O mesmo que "pedrido", igual que atopamos "Mexilloíde". O sufixo en -ide non é máis que unha variante dos sufixos abundanciais comúns -edo e -ido.
O termo "pedride" tería por tanto o significado de "sitio onde abundan as pedras pequenas". Cf. aquí.

PEIBARBA (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
De "peago barba" ou de "Paio Barba".  O termo "peago" ou "piago" deriva de pelagiu, que ten dúas acepcións principais, "poza profunda no río" ou "lugar ao pé do mar". "Barba" neste caso tería o significado relacionado coa raíz indoeuropea *bher "ferver, bulir", ou ben co apelido "Barba", apelido rexistrado na Mariña.

Alternativamente, "Paio Barba"podería corresponder ao nome dun antigo posuidor, con "Barba" como apelido tal como indicado.

É interesante notar que existe "Río Barba" no concello do Vicedo. Ver >> a entrada "Riobarbaaquí para máis detalles.

Unha terceira hipótese sería de "pagu Barba", de "pago" ("terreo, aldea") dun posuidor apelidado Barba.

PEIROÁ (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
Talvez derivado de "pedreiroá" (diminutivo de pedreira", ou incluso formado a partir do nome dun antigo posuidor, "Paio Eiroá".

PENARTEIRO (Xuances)
De "Pena Arteiro".
O termo "arteiro" xa na Idade Media significaba "mañoso" (cf. aquí), e podería indicar un apelido ou alcume personal "Arteiro".

PIMPÍN (Xuances)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber  lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, nas Negradas, etc, parece confirmar esta hipótese.
Esta hipótese parece reforzarse tamén co feito de que en asturiano unha pimpana é  unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.

PONTE DA TRONCA (Lago -lugar de Regosangüento)
Posiblemente indicando unha "pontiga" (ponte pequena) de madeira apoiada nun ou varios troncos grandes. Aínda que o termo "tronca" non aparece no dicionario, o feminino actúa de aumentativo, tal como o caso de "sacho"/"sacha".

No Dicionario de Madoz (1845-1850) é frecuente a alusión a pontes feitas de troncos. Por exemplo, na entrada correspondente a Avedillo: "le cruzan [a un arroio] 2 estrechos pontones de maderos, que solo sirven para el paso de las personas". 

Existe tamén un lugar chamado "Por da Tronca" nas Ribeiras do Sor (Mañón).

PONTE DO PORTO DE ABAIXO (Xuances -lugar de Camba)
Topónimo transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río. Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba un portus, unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías : "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira 1988. "Los caminos medievales de Galicia".  Ourense 1988.

PORRIDE (A Rigueira)
Posiblemente o mesmo que "porrido". Aparece atestado no ano 877 como "rego de Porrito" (cf. p.77 de E. Cal, “De Viveiro en la Edad Media”, in "Estudios Mindonienses", núm. 7, 1991), probabelmente o que pasa preto deste monte.
O termo "porride" tería o mesmo significado que "porral": "recuncho de terreo no que se sementan allos ou outras plantas para despois trasplantalas." Cf. aquí.

PUNTA DE RONCADOIRO (Portocelo)
O termo "roncadoiro" ten relación co son producido, polo mar e polo vento.

RAMIL (A Rigueira -lugar de Pradovello)
De *(uilla) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"), nome de orixe xermánica.

REBOIR(Portocelo -lugar de Vilachá)
Do latín vulgar roboria, "carballo".
Non se conservou no galego actual, excepto no caso de "rebolo", carballo que ten nas follas unha pubescencia branca, e tamén os carballos novos.
No dicionario de Aguirre "reboira" figura como  ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo).

REBOREDO (Xuances)
O mesmo que "carballeda", "carballeira". A orixe é no latín robur, "carballo", co sufixo abundancial -edo.

REBORDELOS (Xuances)
Posiblemente, de "Reboredelos", diminutivo de "reboredo". Indicaría, por tanto, unha pequena carballeira. Cf. p. 1257, N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol II.  2011.

REGO DE BREA (Portocelo -lugar de Vilachá)
De "rego de vrea". O dicionario define "vrea" ou "verea" como "camiño, senda".


REGO DE VELLÓN (Xuances)
Termo de interpretación incerta.
Podería referir a terras pertencentes a alguén con apelido Vellón, aínda que é improbable dada a baixa frecuencia na contorna. 
Alternativamente, podemos interpretalo como de orixe paleoeuropea, dun tema *wel(l)y- derivado da raíz indoeuropea *well- ‘facer xirar’, estudada por Bascuas (cf. E. Bascuas, 1999. "Ulla, Veleia y otros derivados de la raíz indoeuropea *well- ‘hacer girar’", in Veleia 16). 

A terminación -ón reforzaría esta orixe paleoeuropea: xa indica Bascuas (e outros autores) a súa frecuencia na toponimia prerromana, con pares como Vara/Varone, Sala/Salón, Avia/Avión, Urbia/Urbión. (cf. e.g. p. 26 de E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia").

REGODOLA (Portocelo -lugar de Vilachá)
Propoñemos unha orixe no 
composto  "rego de ola", ao estar localizado este topónimo nunha zona de prados. Parece probable asumir que este hidrónimo "ola" derive do tema paleoeuropeo *oll-, formado a partir da raíz indoeuropea *el- "fluír".

RESTREBÍOS (A Rigueira -lugar de Pradovello)
Lugar con restrebas, as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega.

RONCADOIRO (O Monte)
Indicación do son producido, ben polo mar ou ben polo vento.

RUBÁS (Xuances)

Os topónimos "Rubiás" e "Rubás" teñen orixe controversa, posiblemente distintas orixes segundo o caso.
En xeral, é interpretado como "(terras) rubás", "terras de cor ruba" ("roiba", "vermella"), en oposición ás terras negras. Posibelmente indique terras barrentas, ou ben terras ferruxinosas, incluso hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga (as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos cando florecía a queiroga en setembro).
Alternativamente, está atestado o topónimo medieval Rubianes, que Boullón Agrelo interpreta como antropotopónimo, a partir do nome latino Rubianus (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

Alternativamente, Joseph Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" ("subir"), derivándoos do latín rupes "rocha".
Alternativamente, neste caso concreto, tamén podemos interpretar este topónimo como orixinado en "terras dos Rubás", con Rubás  indicando terras pertencentes a unha familia co apelido "Rubal". 

RULÁN (Xuances -lugar de Pereiraboa)
Posiblemente de Rullani, xenitivo de Rullanus, nome de orixe latina, que indicaría o nome dun antigo posuidor.

SACIDO (Portocelo -lugar de Vilachá, Portocelo)
Lugar onde abundan os salgueiros.
Existe outros Sacido, como o de Covas (Viveiro).

SAÍÑAS (Portocelo -lugar de Vilachá)
Unha "saíña",  significaría "salina", derivado de "sal". 
É importante remarcar que o significado alternativo de "saíña" é o de diminutivo de "saa/sá" (do xermánico sala), aínda que pola situación costeira cremos sexa neste caso relacionado con "sal" e non con "saa", máxime cando se usa co sufixo abundancial "-al". 
Existe tamén "O Saiñal" en Mogor (Mañón), que parece confirmar esta hipótese.

SANDE (A Rigueira -lugar de Ventoselle)
De (agru/fundu/uilla) Sandi, forma en xenitivo de Sando (ou tamén podería ser Sanda),  nome do antigo posuidor. Trátase dun nome masculino de orixe xermánica, formado a partir da raíz gótica santh 'verdadeiro'. Cf. p. 334, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI.

É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar o teña sido antigamente a unha uilla medieval (explotación agrícola) e que tivese sido un lugar habitado.

Notar tamén que a orixe xermánica do nome non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SANGUIVIÑAL (O Monte)
Sitio onde abundan os sanguiños (planta).

SEIXOS BRANCOS (O Monte -lugar de Penas Agudas)
Posiblemente o significado transparente que ten, ou talvez un lugar de enterramento neolítico, ao estilo de mámoas, pero no que se recobre con seixos brancos.

SESTOS (Morás)
Posiblemente relativo á familia dun posuidor chamado Sesto. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos".
Porén, hai quen o refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán no seu estudo sobre a toponimia de Pontedeume.
Para Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria, sería unha "parada nun camiño".

SIMONDE (A Rigueira)
De *(agru) Simundi, forma en xenitivo de *Segizmundus ou *Simundus,  nome do antigo posuidor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

SOBORPOSTA (A Rigueira)
Lugar situado "sobre da posta".
Unha "posta" era un lugar de parada situado nas estradas e camiños, onde antigamente remudaban os cabalos das dilixencias, correo etc. 

SUMOAS (Sumoas -lugar da Aldea de Arriba)
Probablemente composto de "su moas", indicando a situación debaixo das "moas", montes ou penas con forma de "moa".

No entanto, non se pode afirmar con rotundidade, xa que o uso co artigo, "As Sumoas", parece ir en contra desta hipótese, xa que se a orixe fose esa, nunca levaría diante o artigo diante da preposición "su".

TEIXIDE (Lago)
Posiblemente o mesmo que "teixido". 
O termo "teixide" tería, portanto, o mesmo significado que "teixido": "sitio onde abundan as árbores chamadas "teixo". Cf. aquí.

TOIMIL (Xuances)
De (uilla) Theudemiriforma en xenitivo de Theudemirus nome do antigo posuidor. É un nome de orixe xermánica, o cal non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

VEDRIDO (Xuances)
Lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum.

VEIGA MOL (O Monte)
A orixe do termo "Mol" é incerta neste caso. Podería provir de 
Mauri, xenitivo de Maurus, nome dun antigo posuidor.
Alternativamente, pode ser o significado transparente do adxetivo mol, cualificando as características da veiga en cuestión.
Hai outro "Veiga Mol" en Vilacampa (O Valadouro).

VELLÓN (Xuances)

Ver "Rego de Vellón".

VIDUÍDO (O Monte -lugar de Loureiro)
Lugar onde abundan os bedueiros.

VILAPOL (Portocelo)
De Uilla Pauli, referindo a unha uilla (explotación agrícola) dun posesor chamado Paulus.

VILAR (Lago)
Ver "O Vilar".


VILELA (A Rigueira)
Diminutivo de "vila", usando o antigo sufixo diminutivo -ela. Aquí o apelativo vila referiría a unha uilla altomedieval, unha explotación agrícola.

XAMPALEU (Morás)
Terreo antigamente pertencente a "Xan Paleo".

XAMPENADO (A Rigueira -lugar dos Cortellos)
Terreo antigamente pertencente a "Xan Penado".

XANARDE (Sumoas -lugar da Aldea de Abaixo)
De (agrum/uillam) Geneuardi ou (agrum/uillam) Ianardi, agro/vila dun antigo posuidor chamado  Geneuardus ou  Ianardus, nome de orixe xermánica. Cf. aquí.
Este antropónimo foi estudado por Piel, que o deriva de Janardo, aínda que sen chegar a dar unha orixe clara. Piel indica que proviría dun antropónimo suevo ou francónico.  Cf. p. 311, 312, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo IV, 1936.

XANCAO 
(Morás -lugar da Aldea de Arriba)
Terreo pertencente a "Xan Cao". O apelido "cao" significa "cano", de pelo branco.

XANCORVO (Xuances)
Terreo pertencente a "Xan Corvo". 

XIMARÁ (Xuances -lugar de Reboredo)
O nome probablemente proveña dun xentilicio, talvez Silimarus, Gilimarus ou Genemarus, a partir da forma (terra) Silimarana,  Gilimarana ou  Genemarana, respectivamente. Cf. A. Boullón aquí, e aquí e aquí.
O topónimo "Pena de Ximarao", en Cedeira, parece confirmar a relación cun deses xentilicios.
Alternativamente, moitos autores  (xa Piel e Kremer, tamén Navaza, etc) interpretan estes topónimos como orixinados en Wimarana (de Wimarus),  sendo a extraña evolución do fonema inicial  interpretada como unha posible ultracorrección dunha pronuncia "Ghimará", con gheada. No entanto, como indica Boullón Agrelo (cf, aquí), estes topónimos ocorren tamén en áreas lonxe da zona con gheada, e non se dá en moitos outros topónimos similares.
Existen múltiples Ximará, como en Alfoz, e moitos topónimos similares, como Ximarás en Muras, Alfoz e Cospeito, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, etc. 

XOVE (Xove)
Posiblemente derivado de *(uilla) Iouii, forma en xenitivo de Iouius, referindo ao posuidor medieval da uilla ("explotación agrícola").
A favor desta hipótese estaría que nome Iovius foi usado como nome persoal no imperio a partir do século IV. A forma derivada Iovinus tivo certa frecuencia na onomástica do noroeste hispánico. De feito, na Fonsagrada hai un "Vilarxuvín", de uillare Iouini, así como moitos núcleos de poboación "Xubín"  derivados de *(uilla) Iouini.

Porén, tampouco se pode descartar que proveña dun hidrónimo similar a *yeu-upe, de orixe paleoeuropea, talvez compartindo orixe para o mesmo elemento inicial co río Xuvia,  e talvez con "Xuances". Para Xuvia, J. Moralejo propón unha orixe na raíz *yeu- 'confundir, mesturar', talvez no senso de "confluencia de correntes" (cf. p.72 de J. Moralejo "Hidronimia prerromana de Gallaecia", in "Onomástica Galega").
O segundo elemento proposto, *-upe 'río', sería o mesmo que o atribuído ao río "Eo",  para o que Bascuas deriva dun tema nominal *oiw-upe (cf. p. 194 e ss. de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Descoñecemos se, talvez nesta interpretación, "Xove" tería ademais relación etimolóxica con "Xuances".

Existe tamén "Xove Novo" e "Xove Vello" en Labrada (Guitiriz), e así mesmo unha parroquia chamada Xove, no concello asturiano de Xixón.

O XUGADOIRO (Xuances -lugar de Reboredo )
O xogadoiro era unha "praza que acostumaba a estar no centro das aldeas na que acostumaban celebrar xogos". 
Hai outro "Xugadoiro" nas Negradas (O Vicedo).


ZAPICOS (A Rigueira -lugar de Vila)
Interesante topónimo, con forma que semella ter orixe  prerromana. 
Sendo unha zona de prados, pode estar relacionado coa orixe hidronímica dos topónimos "Zaipa" e Zapia (Barreiros), para os que  postulamos unha orixe nun *Sal-ap-p-ya 'charca, arroio da charca, lagoa', derivandoa da raíz indoeuropea *sal- 'sal, auga estancada' e máis  a forma *ap- 'auga, río' (para máis detalles, ver  entrada Zaipa  no blog "Pena da Cataverna").

O topónimo "Zapicos" non sería máis que a forma Salappya indicada para Zaipa, co sufixo prerromano -icco. Ou sexa, de *Salappiccos, a partir do que, coa evolución normal no galego, daría Zapicos.
Hai tamén atestado "Salappio" en Italia, totalmente correspondente coa orixe postulada para "Zapico", aínda que no noso caso engade o sufixo indicado -icco.
No entanto, é importante notar que, sendo un topónimo menor, do cal descoñecemos calquer documentación ou historia, podería simplemente indicar a pertenza a unha familia apelidada Zapico. Precisamos axuda local.


ZARROLLOS (A Rigueira)
Aínda que o termo "zarrollo" figura no dicionario como variante de "ferrollo" ou "cerrollo", "pasador", semella difícil entendelo nun uso toponímico.
Unha interprretación máis probábel sería pensar nun hidrónimo de orixe prerromana. En efecto, o filólogo E. Bascuas interpreta topónimos similares, como "Zor", "Zarrulo" ou "Zarracín", como posibelmente de orixe paleoeuropea,  derivado dunha da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura). Cf. p. 308 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.


2 comentarios:

  1. Impresionante traballo. Pero non se sabe nada acerca do topónimo de Xuances? Nin unha posible relación co de Suances cántabro? Un saúdo!

    ResponderEliminar
  2. Prezado Artur, moitas grazas polo teu comentario e pola túa pregunta.
    Canto a Xuances, trátase sen dúbida dun topónimo de orixe prerromana, moi probablemente de orixe indoeuropea, quer céltica ou pre-céltica.
    Porén, non teño unha orixe concluínte. No entanto, é un topónimo para o que si podes atopar estudos, algúns moi ben elaborados, por expertos en toponimia, tal como podes atopar na páxina de Cossué: http://frornarea.blogspot.com.es/2014/11/xuanzo-xuances-ledono.html
    Saúdos cordiais
    Xosé

    ResponderEliminar